Wednesday 18 de September de 2024

En marcha as obras da primeira fase da vía que enlazará a rotonda do polígono de Bértoa coa da estrada de Razo


O Concello de Carballo realiza un investimento de máis de medio millón de euros

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Planificación Urbana e Mobilidade, Juan Seoane, visitaron as obras da vía que enlazará a rotonda do polígono industrial de Bértoa coa da estrada de Razo, prevista no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) co obxectivo de desconxestionar a estrada comarcal AC-552, na que se concentra moito tráfico sobre todo nos horarios de saída dos traballadores e traballadoras do parque empresarial.

Segundo a memoria de tráfico da Rede Autonómica de Estradas de Galicia, nesa zona a intensidade media diaria supera os 15.000 vehículos. Nesta primeira fase acometerase o treito desde o polígono ata a avenida dos Abetos e a rúa Médico Justo Martínez, a través dos cales crearase un itinerario alternativo.

A actuación, adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 541.218 euros, comezou cos traballos de roza e explanación dun ámbito de 19.200 metros cadrados. Este primeiro treito da nova vía terá 800 metros de lonxitude e case 14 metros de ancho, nos que se acondicionarán dous carrís de circulación de 3,20 metros de ancho, beiravías de 1,20 metros, cunetas de 1 metro e unha senda mixta, para ciclistas e peóns, de 3 metros de ancho, pola marxe dereita da vía.

Para contribuír á seguridade das persoas usuarias da senda tamén está prevista no proxecto a instalación de alumeado. Ademais, ao longo deste itinerario mixto plantaranse 35 árbores para garantir espazos de sombra que faciliten o seu uso e contribúan á redución das emisións de CO2.

Aínda que a vía ocupará case 14 metros, a explanación está a realizarse cunha anchura de 24 metros, xa que tamén quedarán minimamente acondicionadas con xabre as zonas que se ocuparán no futuro, cando se execute a urbanización do sector coas beirarrúas e servizos urbanísticos que corresponden ás mazás de uso residencial e comercial lindeiras coa vía.

Nesta primeira fase tamén se inclúe o acondicionamento da rúa Médico Justo Martínez, coa roza de 1.260 metros cadrados e a explanación de 105 metros lineais que se atopan na actualidade en saburra para acometer a posterior pavimentación.